Hoxe en día existen moitas e diversas medidas e produtos para facilitar o coidado dos nosos familiares enfermos de alzhéimer ou outras demencias e, ao mesmo tempo, mellorar a calidade de vida destes e dos seus coidadores. En AFAL impulsamos un programa de adaptación do fogar no que os nosos técnicos realizan unha diagnose da vivenda, detectando barreiras arquitectónicas para, posteriormente, expor medidas sinxelas coas que cumprir os obxectivos descritos. Non só iso, poñemos a disposición das familias o préstamo de produtos de apoio, como camas articuladas, andadores ou cadeiras xeriátricas.
Ademais, de forma pioneira en Galicia, AFAL Ferrolterra ideaba un sistema de localización que permite localizar ao noso familiar diagnosticado de alzhéimer. Unha simple praca cun código QR que pode resultar moi útil en casos de desorientación, xa presente nas etapas máis iniciais da enfermidade. E un servizo que a nosa asociación ofrece completamente gratis aos socios e usuarios.
Aquí tes algúns dos plans e servizos que ofrecemos:
-
Programa de adaptación do fogar: medidas sinxelas como incorporar unha barra de agarre á ducha poden supoñer grandes melloras na calidade de vida dos enfermos de alzhéimer e tamén dos seus coidadores. Axudarlles neste sentido é un dos obxectivos do programa de Adaptación do Fogar de AFAL Ferrolterra. Iníciase no momento no que os maiores se converten en usuarios dalgún dos dous centros de día xestionados pola asociación en Ferrol, aínda que tamén se presta a calquera familia que desexe asesorarse sobre o tema. Así, nun primeiro momento, a terapeuta ocupacional elabora un informe sobre as barreiras arquitectónicas do fogar, a partir dunha ficha que cubre coas familias. Ademais, ofrécese a posibilidade de realizar unha visita ao domicilio para profundizar no estudo.
A partir de aí, o equipo de AFAL Ferrolterra asesora aos coidadores sobre aquelas medidas que poden tomar para mellorar a accesibilidade da vivenda, incluídos os produtos de apoio e outros recursos que teñen ao seu alcance.
- Préstamo de produtos: poñemos a disposición das familias o préstamo dunha serie de produtos de apoio para o coidado de persoas dependentes en domicilio:
-
- Cama articulada
- Colchón antiescaras
- Baldas y cabeceiros
- Cadeira de rodas
- Andadores
- Cadeira de brazos xeriátrica
- Sistema de localización: AFAL Ferrolterra pon a disposición das familias un sistema de localización que facilita a identificación daqueles maiores diagnosticados de alzhéimer ou outras demencias, especialmente útil en casos de desorientación, xa presente nas etapas iniciais da enfermidade.
O localizador é completamente gratuíto e consiste nunha chapa que contén un código QR.Este contén toda unha serie de información sobre a persoa, como o nome e os apelidos, o teléfono, a enfermidade ou a persoa responsable da mesma. É o equipo de AFAL o que introduce eses datos, previa autorización da familia para o programa. A continuación, entrégaselles. No caso de que os usuarios sufran desorientación e se perdan, sendo necesaria a súa busqueda, calquera persoa pode identificala lendo o código, a través dunha aplicación tamén gratuíta.