AFAL Ferrolterra aposta por un envellecemento activo optimizando as oportunidades de benestar físico, social e mental das persoas maiores co obxectivo de ampliar a esperanza de vida saudable e a calidade de vida na etapa da vellez. Debido a isto, do mesmo xeito que na sede da asociación, situada en Ferrol, propoñemos a posibilidade de prestar servizos de prevención e de envellecemento activo ás distintas administracións públicas dos concellos da comarca de Ferrol, Eume e Ortegal.
A finalidade das actividades preventivas promovidas por AFAL Ferrolterra para este grupo de idade é, fundamentalmente, o aumento da expectativa de vida activa ou libre de incapacidade previndo en todo caso a deterioración funcional das persoas maiores. Deste xeito, talleres de reminiscencia, memoria ou animación teatral centran a oferta da nosa asociación para a consecución dos obxectivos enumerados. Actividades cuxos resultados e grao de satisfacción está acreditado.
Estas son as nosas propostas:
- Reminiscencia: téntase provocar unha evocación de situacións do pasado (mocidade ou infancia), activando o funcionamento e a reminiscencia da memoria remota e resaltando aspectos emocionais do recordo como: acontecementos históricos e persoais significativos para o individuo, sensacións, cheiros ou simplemente o recoñecemento de obxectos. Utilízanse recursos como fotografías, música, arquivos gravados, artigos de xornal do pasado, obxectos domésticos, conversacións, etc, co obxectivo de conservar a identidade do suxeito mediante a reactivación do seu pasado persoal.
- Musicoterapia: nestes talleres, AFAL recorre á música como ferramenta terapéutica para estimular as emocións e os recordos significativos da historia de vida de todos e cada un dos participantes na actividade. O obxectivo non é outro que conseguir aumentar a expresión física, gestual, verbal e emocional. Obxectivo garantido con esta terapia, realmente gratificante para os seus participantes e que foi xerme doutros moitos programas ideados polo equipo de AFAL Ferrolterra, como o Bingo Musical.
- Animación teatral: a través destes obradoiros, o equipo de AFAL Ferrolterra recorre á representación teatral como medio para promover a creatividade, espontaneidade, expresividade verbal, emocional, física e xestual, mellorando as habilidades sociais e participación do maior na sociedade. Utilízase un enfoque lúdico con xogos dramáticos ou teatrais baseados en obras ou actuacións a partir da improvisación. A finalidade é favorecer un benestar psicolóxico, evitar o illamento e conseguir unha calidade de vida satisfactoria.
- Obradoiros de memoria: con esta proposta, o equipo de profesionais de AFAL Ferrolterra ofrece actividades encamiñadas a activar, estimular e adestrar as distintas capacidades e funcións cognitivas dos participantes (percepción, atención, razoamento, abstracción, memoria, linguaxe, procesos de orientación e praxias). E, todo iso, desde un punto de vista lúdico, con exercicios, fichas e unha chea de xogos. Uns obradoiros que están pensados principalmente para persoas maiores de 60 anos.